O primeiro Fogar da Identidade Cultural Galega atópase situado dentro dun terreo anexo ás instalacións do Teatro das Cortes, Cabanas, O Vicedo. A iniciativa xéstase ao abeiro da colaboración do proxecto Galicia Latente, da Asociación Volta e Dálle e do propio Teatro das Cortes.
A temática, centrada na divulgación da identidade cultural galega, xunto coa súa contextualización nunha pradeira, converten esta achega nunha simbiose da cultura e da natureza (con horizonte, nun espazo activo, sen paredes). O lugar componse de 3 exposicións que reflicten diferentes realidades do acontecer da cultura galega. A exposición central componse dunha instalación permanente configurada por 30 imaxes-realidades da Galicia contemporánea. A parte de mostras da innovación da cultura galega está disposta nunha carpa de exposicións temporais con diferentes temáticas e monografías. Unha terceira área interactiva alenta ás persoas visitantes a participar nunha pescuda ao longo do valado da pradeira para recoller 8 retos-palabras chave a ter en conta para os nosos porvires.
Percorre o bosque de imaxes -aconteceres- da identidade cultural galega. Podes facer a visita coa audioguía dende o teu móbil, escaneando o código QR do panel expositivo.
Aquí coñecerás iniciativas innovadoras que están a definir a cultura galega. Na carpa poderás ver unha escolma da innovación cultural galega.
Procura 8 fitos da identidade agochados na contorna do espazo expositivo. Cando os atopes participa na enquisa da web: www.galicialatente.com