Eduardo de Martís Fotógrafo e representante do Proxecto Galicia Latente.
O presente artigo forma parte dos obradoiros que vimos realizando dende o proxecto Galicia latente. Trátase dunha iniciativa para a valorización da identidade cultural galega contemporánea.
Baixo o título “A Galicia do presente” este obradoiro feito o dia 28 de setembro do ano 2024 no Instituto Cervantes de Londres, foi pensado para recoller unha percepción da cultura galega alén dos seus lindes territoriais e adminstrativos, dando respostas así a unha recollida etnográfica para un estudo posterior onde afondar no potencial e na dimensión da propia cultura galega, baixo unha perspectiva da interculturalidade e migración. Adiantar que o presente relato tenta deste xeito poder aportar testemuñas do trascendental momento (ou encrucillada) que está a vivir a cultura galega fronte á globalización cultural que procura roles de uniformidade. Chegamos así ao escenario que nos ocupa de interculturalidade, migración e perdas ou oportunidades de diversidade identitaria e cultural.
Para tentar entender a diáspora galega do presente en Londres compre comezar por sinalar que está representada en duas agrupacións totalmente diferenciadas por varios aspectos. Ainda que o obradoiro celebrouse coa colaboración e participación maioritaria das persoas que conforman a agrupación REGA-UK (Rede de Galegos no Reino Unido), tivemos oportunidade de ter unha xuntanza informal, un dia antes, con membros da outra agrupación pertencente ao Centro Galego de Londres, e recoller así testemuñas sobre a súa condición de diáspora.
A agrupación REGA-UK caracterízase por estar constituida por unha migración (e non emigración) máis recente no tempo, que dificilmente encaixa na definición de “emigrantes”. Outro factor diferencial e que están espallados por toda a xeografía británica. Tivemos participantes que viñeron de Escocia, Liverpool, Cambridge, Oxford e diferentes puntos de Londres, máis tamén non puideron vir membros residentes en Irlanda. Destacar tamén a particularidade maioritaria de traballadores en sectores dinámicos (comunicación, mundo académico, tecnoloxías etc.)
No caso das persoas que forman parte do Centro Galego de Londres son xubilados plantexando “o retorno”. Como explican “nin somos daquí nin somos xa daló”. Esta ecuación imposible semella unha balanza estancanda no medio.
O obradoiro coa diáspora galega en Londres comezou cunha explicación do proxecto Galicia latente. Para elo explicamos a importancia de ver a cultura galega máis aló da súa dimensión territorial e administrativa. Partimos de valores e recoñecementos internacionais e interculturais, xerando unha oportunidade de consciencia sobre as grandes aportacións que temos por desenvolver (e desocultar) na cultura galga. Nesta introducción tamén alentamos da interrelación da cultura-identidade-autoestima.
No segundo apartado do obradoiro proxectamos unha peza documental co título homónimo “A Galicia do presente”.
Seguido da proxección diu comezo o debate sobre a identidade cultural que vertebra o proxecto (a etimoloxía entende por identidade cultural cultivar o idéntico, sementar aquelo que nos une). Foi cunha apreciación sobre a importancia da conexión e cohesión social para recuperar valores culturais. Esta apreciación citou a falla de foros como no que estabamos, para desenvolver a transmisión cultural e o legado. A gastronomía citouse como elemento de unión, de identidade-identitas. Logo saiu un tema máis espeso; o tema das subvencións e houbo disparidade de pareceres no senso de se os proxectos culturais debían de estar á sorte de ter unha subvención das institucións públicas para poder executalos. Enlazada co enfoque proposto saiu a conto a identidade como ferramenta de integración e interculturalidade. Foi unha afirmación que vencella a identidade coa interculturalidade. Propón relacionarse nun plano de igualdade que aporta enriquecemento común. Ao pouco saiu o eido do idioma e comentouse como o contexto onde se moven as persoas inflúe e determina á hora de falar o idioma galego. Seguindo co idioma galego varias persoas advertiron unha perda de galegofalantes. Ao mesmo tempo alentaron un crecemento de neofalantes. Unha observación de alta sensibilidade dixo que o idioma modula a actitude persoal e aporta persoanalidade. Puxo a súa filla como exemplo e contou que cando falaba en galego a personalidade era máis agarimosa. Saíu un tema territorial e manifestouse que para moitas das persoas, a pesar de vivir fora de Galicia, seguen a latexar dentro do país. Enlazando coa eucalptización que estamos a vivir, citaron como este fenómeno se sustenta na economía sumerxida, “son cartos fáciles”. Tamén xurdiu a figura das comunidades de montes (o 60,7% do territorio galego componse de monte á vez que as propias comunidades de montes galegas son dos latifundios máis grandes de España). Outra das persoas do debate falou do eido cultural e citou un proxecto intercultural entre Galicia e Portugal que se chama “aRi[t]mar”, que é un proxecto para achegar aos dous paises no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lusofonía. Outra grande achega da xornada foi dentro do marco intercultural cando alguén citou a oenegé "Contacto" con sede en Boiro. Ten un proxecto rachador no eido social. Esta oenegé presta axuda á comunidade marroquí do Barbanza facilitándolles clases de marroquí en clave de integración intercultural.
Logo dunha pausa café/té na armoniosa biblioteca do Instituto Cervantes metímonos de cheo na procura de “cultivar”. Unha galega de seguida fixo unha terceira vía coa dicotomía de rural/urbán. Propuxo o modelo de vila, xa que según ela é a escala de planificación ideal da armonía social, dos servizos básicos, e o contacto co medio natural. A lingua galega voltou ao debate no contexto de “cultivar” e a encomenda foi discutir os discursos neoliberais sobre as linguas, cuestionando a dominación da economía e polo tanto da globalización. Outra inquedanza propuxo fomentar a figura dos e das neofalantes refrendada nos Faladoiros de Vigo. Unha das recollidas que máis entonou co espírito do debate foi cando plantexaron activar o valor identitario dende a diáspora, entendendo que dende a visión de outra cultura aumenta esta dimensión. Voltou o dioma, cuestionando esa idea de propoñer o idioma como ferramenta funcional. O idioma vai moito máis aló do mero funcionalismo referido a establecer relacións comerciais con outras culturas-paises, “non debemos reducir o idioma a algo funcional, xa que ten moito máis percorrido”. Sorprendente por estar totalmente “latente, oculto”, propúxose rachar o estancamento endogámico e desenvolver as irmandades culturais do pobo galego co mundo celta (Inglaterra, Escocia e Irlanda). Un aceno exótico pediu perdón por non saber falar galego con soltura, e noutra demostración de ponte intercultural aportou un salto na metalinguaxe do debate dicindo (cun probable costume cultural das súas latitudes) que nos fixáramos no que cada quen pode facer pola cultura e por estar nesa dimensión. Con este final improvisado e co anuncio de Bea de que estabamos enriba da hora alguen dixo “pois a cultivar…”. Deste xeito rematou o debate con algún outro intercambio máis polo corredor do Instituto Cervantes, onde alguén se interesou polo Proxecto Nós, da Universidade de Santiago de Compostela; é o primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galicia coa voz de síntese “Celtia”. Encarando a saída unha mestra de antropoloxía da Universidade de Sevilla plantexou facer un obradoiro para o seu alumnado como exemplo da dimensión da identidade cultural, adaptado á cultura andaluza.
Como aportación complementaria e para tentar ofrecer unha recollida máis completa trasladamos as percepcións que tivemos ocasión de recoller nas conversas con algúns dos membros do Centro Galego de Londres. Como xa adiantamos, a motivación de vivir no UK máis extendida das persoas do Centro Galego de Londres é a descendencia familiar, logo están os negocios, e logo o enraizamento social de "toda unha vida”. Outra apreciación desta comunidade son os valores, trasladáronnos un valor case místico en “ser traballadores", como mostra do seu sacrificio polo común; mercarón por unha fortuna unha propiedade que é o local do Centro Galego de Londres, ademáis de “embaixada ocasional” da gastronomía galega en Londres. Dicir ao fío deste local, e como mostra dos retos interculturais, que debido a unha diferenza interpretativa das normativas dos dous paises (para un país é unha chariti e para outro unha asociación) o Centro Galego de Londres atópase nunha eiva de recoñecemento administrativo. Subliñar aquí un reto do relevo interxeracional.
Como tránsito entre o debate e o xantar fixemos unha votación de valores. As conclusións remarcan o idioma como o máis apreciado no electorado de Londres, seguido da sociedade e da identidade. Como peche do obradoiro destacar o xantar que transcurriu recreando unha “litle Galicia”. Un afamado escocés da Universidade de Glasgow alumeounos con “Santiago” en versión bilingüe gaélico escocés, máis “Palmira” en versión das Oxford Panforreiras. O escocés moviu os marcos con “Camariñas”, resoando para sempre aquel “...Camariñas xa me estás camariñando”.
Así pechou o obradoiro en Londres o 28 de setembro do 2024, ou máis ben naciu unha sorte de valor identitario, que ogallá todas as persoas poidan nalgún momento VIVIR.